Descarboniza

proxecto deseñado por:

 

  1. PRESENTACIÓN

O Cambio Climático constitúe quizais o maior reto ambiental ao que se ten que enfrontar a humanidade na actualidade. A súa relevancia e impacto están fóra de toda dúbida e a posta en marcha de iniciativas de mitigación e adaptación revélase unha obriga inescusábel para estados, comunidades autónomas e municipios, entre outras moitas entidades.

Así mesmo, o papel que debe xogar a Educación Ambiental no impulso e acompañamento destas iniciativas tamén conta con reiterados chamamentos; o derradeiro deles recollido no Acordo de París aprobado na Conferencia das Partes celebrada en decembro de 2015.

É por este motivo polo que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deseñou o proxecto “Descarboniza! que non é pouco...”, que ten como obxectivo principal a organización e acompañamento de grupos de persoas que estean dispostas a contribuír á “descarbonización” das súas comunidades; isto é, aumentar a súa resiliencia comunitaria e facilitar a transición ecolóxica cara a sociedades de baixas emisións..

O proxecto consiste nunha secuencia de sesións de traballo nas que analizar e reflexionar cun grupo de persoas sobre as causas e consecuencias do cambio climático, así como identificar e estimular as accións que poden poñerse en marcha para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de forma individual e colectiva.

No seguinte enlace terás acceso a todos os materiais do kit DESCARBONIZA

 

  1. ORIXE E HISTORIA DO PROXECTO

Desde hai máis dunha década, o Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), está a analizar como percibe e representa a cidadanía o Cambio Climático e que dispositivos e iniciativas sociais e educativas resultan máis acaídos para axustar a súa interpretación e valoración ao potencial de ameaza que presenta e para poñer en práctica accións socio-educativas que contribúan a reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Coa vontade de reverter na sociedade o traballo desenvolvido, no curso 2015-2016 comeza o deseño dun proxecto de intervención socio-educativa tomando como referencia os resultados das diversas investigacións. Unha proposta pedagóxica que, nos primeiros meses de 2017, a través dun convenio de colaboración co Concello de Santiago de Compostela, puido testarse en tres Centros Socioculturais de titularidade municipal. Nacía así o Proxecto Descarboniza! Que non é pouco.

Se queres coñecer máis sobre o proxecto fai click AQUI

 

  1. OBXECTIVOS

Descarboniza! Que non é pouco…. Desenvolve unha metodoloxía de intervención que busca trasladar un problema abstracto, como é o cambio climático, á cotidianidade das persoas dende un punto de vista colectivo e comunitario.

Os obxectivos xerais do proxecto son:

  • Organización e acompañamento de grupos de persoas dispostas a contribuír á descarbonización e adaptación das súas comunidades; isto é, aumentar a súa resiliencia comunitaria e facilitar a transición ecolóxica cara a sociedades e comunidades baixas en carbono.

 

  • Reducir en clave socio-cultural a distancia sideral que separa a crise climática da vida cotiá da maioría das persoas e das comunidades da nosa contorna.

 

  • Colocar o cambio climático na axenda pública, como unha cuestión social relevante para a cidadanía, vinculando o seu potencial de ameaza con aspectos significativos nos que as persoas poidan introducir cambios con efectos sociais e ambientais sinérxicos e agregados.

 

 

  1. METODOLOXÍA DE TRABALLO

Tres son os alicerces sobre os que se constrúe o Proxecto Descarboniza! Que non é pouco…:

1. A necesidade de apostar por iniciativas en clave socio-educativa para enfrontar o cambio climático. Débese incorporar a dimensión social nas medidas de adaptación e mitigación. Isto é, convén analizar as variábeis socioeconómicas, de gobernanza e de educación e comunicación para deseñar políticas ambientais realmente efectivas.

2. A urxencia de que estas iniciativas teñan en conta a representación social do cambio climático. Podemos contar con información extremadamente detallada das variábeis sociais, alén das climáticas e tecnolóxicas, e, sen embargo, non ser quen de chegar á poboación ou non facelo coa capacidade para impulsar os cambios necesarios. A información non é dabondo. E aquí é onde se torna determinante a representación social da problemática; é dicir, saber como a poboación coñece, percibe e valora o cambio climático e, especialmente, as implicacións que pode ter e ten na súa vida.

3. O aproveitamento de prácticas e dispositivos educativos exitosos de diversas entidades e movementos sociais A análise e avaliación de prácticas e dispositivos educativos exitosos –como as post-carbon cities, o movemento slow ou o movemento das transition towns, que teñen incorporado accións e iniciativas innovadoras–, ten constituído unha fonte de inspiración no deseño da metodoloxía de traballo.

Ao longo de varias semanas, desenvólvese unha secuencia de traballo nas que as persoas participantes, que non teñen por que ter coñecementos específicos sobre o tema, analizan e reflexionan sobre as causas e consecuencias do cambio climático, e identifican e propoñen accións que poden poñerse en marcha de forma individual e colectiva para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Os grupos, a través de distintas dinámicas, deciden que facer para reducir as súas emisións en ámbitos significativos das súas vidas. A reflexión e decisión conxunta, así como o apoio grupal, pretende conseguir os seguintes propósitov:

  • A corresponsabilidade coa problemática, incidindo positivamente no que se pode facer, sobre todo de forma colectiva;
  • A organización de actividades conxuntas, que conecten co sentir das persoas participantes e coa súa vida cotiá;
  • O reforzo intragrupal das accións a poñer en marcha, sobre todo a nivel emocional;
  • O sentimento de identidade comunitaria, asumindo ao tempo os seus límites e desenvolvendo as súas potencialidades

O PROXECTO NA ACTUALIDADE

NO CURSO 2018-19, ao abeiro do financiamento da Fundación Biodiversidade, traballouse en paralelo cos Concellos de Santiago de Compostela e San Sebastián-Donostia. Nesta ocasión, contrastouse especificamente a replicabilidade do proxecto, proporcionando formación e materiais específicos ao persoal municipal participante para que desenvolvera directamente a metodoloxía de intervención.

Despois do éxito desta experiencia, na actualidade seguimos buscando novos espazos nos que poñer en marcha o proxecto. Se estás interesado/a, estas son algunhas das opcións que manexamos:

  • Para comezar

Contamos cun deseño metodolóxico e uns materiais consistentes e contrastados para o traballo con públicos adultos. A través da secuencia de intervención poden sentarse as bases para impulsar grupos de persoas máis sensibilizadas e implicadas na acción climática.

  • Un proxecto integral

Tomando como referencia as coordenadas resultantes da avaliación do proxecto nos pasados cursos, preséntase unha proposta integral que centra as súas actuacións nun espazo concreto (barrio, parroquia), onde poder actuar sobre varios colectivos; nomeadamente sobre terceira idade, familias (a través das ANPA´s) e mocidade. A través da adaptación da metodoloxía e os materiais aos distintos públicos e á articulación de actividades conxuntas interxeneracionais, búscase un maior impacto a nivel municipal, que se acompañaría de actuacións concretas no ámbito da política ambiental.

  • Innovando, creando

Seguro que hai espazos, destinatarios e accións que poden integrarse na metodoloxía de traballo. Contacta connosco se tes algunha outra idea. Seguro que atopamos o xeito de poñela en marcha!

Por suposto, tes tamén a opción de descargar os materiais e desenvolver ti o proxecto. Tes máis información AQUÍ

 

Se queres saber máis do proxecto podes poñerte en contacto connosco e seguir a nosa actividade a través de nosas redes:

 

 

  descarboniza@resclima.info       http://www.resclima.info/descarboniza

    Descarboniza Que non é pouco           Canal Youtube

 

Proxecto “Descarboniza! Que Non É Pouco…”. Pequenos grandes cambios colectivos fronte ao cambio climático

O Teatro Principal énchese para ver “Amanece que no es poco” e conversar co seu director sobre sub-ruralismo e cambio climático